domingo, 8 de setembro de 2013

Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras

Nesta nova publicación saímos da nosa comarca de referencia para visitar a veciña comarca da Limia, e máis concretamente, a aldea de Trandeiras. Este pobo contén unha das visitas ineludibles da nosa zona, nel atópanse as ruínas dun antigo mosteiro, o chamado “Mosteiro do Bon Xesús”.


O Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras empezouse a construír no ano 1520, e tres anos despois de comezar  coa obra, e a pesar de inda non estar rematado o mosteiro, xa vivían nel uns frades franciscanos xunto con un gardián. A obra é de estilo tardío gótico-portugués (Manuelino) con elementos renacentistas, e como curiosidade sobre a súa fundación, existe un escrito de esa época onde afirma que o conde de Monterrei D. Fernando de Andrade mandou ata alí mil homes armados temendo que o que se estaba a construír fora un castelo que rivalizase co seu condado.
Este desencontro co Conde de Monterrei foi o primeiro de moitos incidentes que tería este mosteiro ó largo da súa historia, pois antes de pasar 150 anos dende que empezaran a súa construción, no ano 1668, o mosteiro foi pasto dun tremendo incendio que non perdoou nin a igrexa nin ningunha cela dos frades. Máis tarde, durante a guerra de Independencia, as tropas francesas causaron numerosos danos no convento, e asasinan e torturan a moitos dos frades que alí vivían.





Pouco tempo despois, o 3 de febreiro de 1813, un novo incendio xorde pola noite mentres os frades durmían, o forte vento de aquela noite provoca que o lume acabe con tódolos dormitorios, a cociña e o claustro. O fin da vida monacal neste mosteiro prodúcese en 1835, coa  exclaustración dos frades e a súa posterior desamortización, momento no cal, o mosteiro queda abandonado.

Hoxe en día, moitas das pedras e da madeira do mosteiro desapareceron para pasar a formar parte de outras construcións ou xardíns. Pero os restos que alí quedan conforman un cadro precioso que parece sacado da mente de un pintor do romanticismo, unha paisaxe digna de ser visitada e admirada.