mércores, 13 de xuño de 2012

Paseo pola aldea de Monterrei

Supoño que quen máis ou quen menos todos coñecemos o Castelo de Monterrei, pero hoxe quixera invitarvos a dar un paseo pola súa aldea. Obviando o castelo e as súas altivas torres daremos unha volta pola que foi durante moito tempo a vila máis importante de comarca e una das máis importantes do sur de Galicia




Camiño que daba acceso a igrexa dende a Rúa Principal



No 1512 Gonzalo Rodríguez de la Pasera escribe un informe para o rei Fenando "O Católico" no que xa comentaba o despoboamento da vila, dicindo que xa so quedaban nela once veciños casados e que xa facía máis de sete anos que  cairan máis de duascentas casas porque tódolos veciños baixaban a Verín ou a Pazos. Ó final deste informe suxerialle ó rei que a fixera franca para que se volvera a poboar.


Esta casa situada ó pé do castelo na praza da constitución foi nun principio o cuartel de infantería e máis tarde  un posto da Garda Civil.


En 1555 instálase en Monterrei un convento e colexio  xesuíta, dando lugar a unha gran explosión demográfica na vila debido ós numerosos estudantes que residian alí e incluso na aldea anexa da Pousa
Na explanada da Praza da Constitución, enfronte ó castelo., levantábase a casa do concello, a cal contaba cun amplo soportal. Hoxe so queda unhas paredes morralentas


A Casa reitoral situábase dentro do Patio de Armas e tiña acceso tanto a este como a  Rúa Principal


A mediados do século XVI o concello dicta unhas serie de leis: os  "vagamundos" non podían permanecer máis de tres días no recinto e polas noites a partires das oito era obrigado levar fachos e non levar armas dobladas
Rúa empedrada que dá a Praza da Constitución


Antigos escalóns para unha casa que xa non existe
A finais do século XVIII a vila volvera a perder poboación e contaba con menos de 50 veciños


Ruinas do Corpo de Garda de San Francisco


Por un informe de principios do século XIX, sábese que o día 16 de cada mes había feira e a ela acudian todo xénero de mercadorías, músicos e danzantes


Segundo documentación inquistorial existía no século XIX un bordel o cal tiña moita clientela nos debanditos días de feira


Hospital de peregrinos, Construído no ano 1391e que se utiliza hoxe en día como  albergue xacobeo


Casas situadas ó pe da porta do sol


Porta de S. Francisco


Blasón e base do que foi unha garita no Baluarte de S. Fernando


Portón que defendía o camiño cara á fonte


Corpo de garda da "Nova porta do sol"


A única fonte de manantial coa que contaba a vila encóntrase fóra das murallas e foi construida no 1619  debido ó problema de abastecemento de auga que tiña a fortaleza


Esta casona foi a primeira atalaia coa que contou o castelo, máis tarde utilizouse como almacén de pólvora e gardamecha




Restos da torre cárcere que existía enfronte do corpo de S. Francisco


Casa con escudo

As últimas casas foron abandonadas a mediados do século XX, estas parecen estar paradas no tempo, como se o dono fose voltar despois dun día de labor no campo

Bibliografia: Xerardo Dasairas Valsa: Libro-Guia de Monterrei 

mércores, 18 de abril de 2012

Dous epígrafes romanos en Rabal



No 1972, o insigne arqueólogo Xesús Taboada Chivite publica no número 2 do  Boletín Auriense un artigo titulado: “De re epigraphica. Dos epígrafes en Rabal (Oímbra, Verín)”. Baseandome no que alí deixou escrito e nalgúns artigos posteriores ó del, hoxe quero falar nesta publicación de dúas pedras que se atoparon na aldea de Rabal e que hoxe se atopan no Museo Arqueolóxico de Ourense.



LÁPIDA DE SEMPRONIA


Cando Chivite visita Rabal esta lapida estaba en propiedade de Amador Ribero (Pinchín). A lápida estivera facendo de mesa no altar da igrexa ata 1971 cando o arranxar a igrexa apareceu por baixo de un intenso caleado.
   Foto: Fernando del RÍO MARTÍNEZ
A lapida, datada no século I d.c., é de forma rectangular dun mármore amarillento e fragmentada na súa parte esquerda. Os bordes están erosionados e con algunha falta. Unha franxa de pequenos repliques enmarca a inscripción polo lado superior e o dereito. Mide 77 cm de ancho por 44 cm de altura e 14 cm de groso. A inscripción que aparece na lápida está composta por catro liñas con letras dun tamaño regular de 6 cm de altura na cal se pode ler: BIVS. QVIR / S SEMPRONIAE / V NAE MATRI / MPRONIAE. Segundo Rodríguez Colmenero, a súa tradución sería: Fabio, da tribu Quirina, fai esta dedicatoria a Sempronia, súa nai, e a Sempronia....


ARA OS LARES DO VAL



Segundo Chivite, cando visitou Rabal para o estudo da anterior lápida, o dono desta informoulle da existencia dunha pedra: “Na que parecían advertirse borrosamente algunhas letras”.

Foto da ara publicada por  Taboada Chivite

Trasladado ó lugar da súa ubicación, atopou ó pé dun muro unha ara que según o seu comunicante estivera ata facía poucos anos de base nun cruceiro de madeira. O devandito cruceiro achábase na encrucillada de dous camiños: un que conduce á aldea portuguesas de Vilarelho dá Raia e outro que rodea ao pobo de Rabal. Ó  arredor deste cruceiro daban volta as procesións para tornar a igrexa de Rabal.Esta ara ten unhas dimensións de 86 cm de alto 36 cm de ancho e 30 cm de grosor. Cunha forma de bloque prismático e cunha cornixa fragmentada que propiciou a perda da primeira liña de texto.

Lugar onde se atopaba o cruceiro de Rabal

A inscripción, o igual que a lápida de Sempronia, está formada por catro liñas con letras de 6 cm. de altura na cal pódese ler: VA R / C SV / VIT EN / V S L M. Segundo Rodríguez Colmenero a súa tradución sería: Ulacio Souseno cumpriu o seu voto, de libre vontade, aos Lares, (aos deuses), da bisbarra (Val do Támega).

A ara no museo ourensan
Foto: Fernando del RÍO MARTÍNEZ 





sábado, 24 de marzo de 2012

Posible cabeza castrexa en Mandín

A primeira información desta publicación chegou a nós por unha veciña da aldea de Mandín, ela, xa velliña, falaba do "Castro de Moreiroa". Dicía que cando  era pequena inda se podía ver algúns restos de casas naquela zona e que fora a reforestación a que acabara con todo, entón deixou caer, sen darlle importancia, que unha casa da familia fora feita con aqueles restos e, entre as súas pedras, había unha coa forma dunha cara. Gracias a recente lectura de:  "A plástica da cultura castrexa galego-portuguesa " de Calo Lourido  enseguida se me veu a mente a posibilidade de que se tratase dunha "Cabeza Castrexa".

As cabezas castrexas son un dos restos arqueolóxicos con máis interrogantes, segundo a "Enciclopedia  Galega Universal"  a súa definición é: Esculturas en pedra procedentes dos castros galegos e portugueses ou do seu contorno sen un encadramento cronolóxico definido, aínda que semellan formar parte dunha koiné artística mediterráneo-romana de ó redor do s I d C. O feito de non ter un encadramento cronolóxico definido e considerando que Calo Lourido das 23 pezas que el denomina "Cabezas humanas" so dúas foron encontradas nunha excavación arqueolóxica , fai que a súa inclusión na plástica da cultura castrexa sexa cuestionada por algúns historiadores.
A cabeza castrexa máis próxima a nos da que se ten constancia apareceu no museo de Chaves, e digo ben, si, apareceu no museo, pois ninguén sabe de onde saíu e un día encontrárona alí sen catalogar.
Fotografía da cabeza de Chaves sacada do libro
"A plástica da cultura castrexa galego-portuguesa"

A casa onde se atopa a cabeza castrexa de Mandín encontrase no casco vello desta aldea, case enfronte a porta lateral que ten a igrexa. Da casa só queda en pe a fachada, e non por moito tempo pois moitas das pedras están crebadas e cheas de musgo. En canto levantas un pouco a vista alí a ves, devolvéndoche a mirada. A cara está nunha pedra que foi claramente reutilizada, é a única que sobresae da fachada. Na parte superior ten un pequeno listón que sobresae da pedra e a cara está mirando cara baixo.


Non son eu tan estudoso nin tan arrogante como para asegurar que a cara sexa castrexa, pero unha cousa é certa, é unha pedra ben curiosa, sobre o encadramento cronolóxico terán que falar outros que se adican a iso pero eu recomendo a quen poida que se acerquen a vela, aínda que só sexa por si cae a casa e destrue a peza.