xoves, 29 de decembro de 2011

Mosteiro de Vilaza

O mosteiro de Vilaza é hoxe en día case que unha lenda, pero unha torre, chamada comunmente a “Torre dos Templarios” empeñase en recordarnos aqueles tempos medievos nos que polas rúas de Vilaza paseaban monxes e clérigos.


Os primeiros datos dun mosteiro na localidade de Vilaza lévanos ata o 1 de agosto do 985, desta data é o documento do Tombo de Celanova onde se informa “da fundación do mosteiro de Santa Cruz de Vilaza por Piñota Goda e a súa filla Eloyna Goda. Estas nobres señoras fundan e dotan o mosteiro con once vilas: Vilaza, Villar de Moa, Villama, Banavata, Perrelos, Tamaguelos, Vilariño, Pazo, Cerdedelo, Calvekos e Souto de Amorío. A isto engaden as súas xoias para dotar a sancristía, o refectorio e os dormitorios”¹. Deste mosteiro de Santa Cruz de Vilaza só se volve saber cando se une ó mosteiro de Celanova uns anos despois do 1043.
No século XII, e consagrado polo Bispo Martiño (1132-1157), aparece o mosteiro de S. Salvador de Vilaza. Deste novo mosteiro coñecese o nome dalgúns abades como son: Pedro González (1231), Xoán Lourenzo (1386-1401), Xoán Piñeiro (1436-1458), Ares Fdez. de Vilasante (1458-1479) e Xoán de Deza (1479-1506).
A comezos do século XVII os bens do mosteiro incorpóranse o “Colexio da Compañía de Xesús” en Monterrei, descoñecendo ata que tempo se mantivo alí a vida monástica.

Respecto ó lugar onde se asentaba o mosteiro, parece claro que sería a igrexa de S. Salvador, como así atestiguan os arqueólogos Celso Rodríguez Cao e Jesús Ferro Couselo e un informe do Dr. Salazar que escribe con motivo dun pleito sobre o patronazgo  da abadía no século XVII. Sin embargo, outro informe, este de D. Frai Martín de Córdoba (finais do século XVI) recoñece a igrexa de S. María como a do antigo mosteiro e dí que nunha parede esta escrito MCCXII que ven a ser o ano 1212. Neste mesmo informe tamén dí que fora mosteiro de canónicos regulares ou de templarios opinión que tamén apoiaba ó licenciado Plasencia.


¹- Monasterio de S. Salvador de Vilaza estudio histórico-artistico de la torre medieval de Vilaza-Monterrei de: Celso Rodríguez Cao

1 comentario:

Xosé Ramón Reigada Prado dixo...

Un saúdo de novo, agora xa me deixa inserir comentarios no teu blogue, ben, se queres algún día podemos quedar e ir ver eses lagares, aviso ao Eduardo e así tamén o coñeces. O de estaren lonxanos non tanto, no Mente debía de haber aínda máis lagares, de outra tipoloxía ao ser o terreo xistoso, e aínda se aprecia o cultivo en socalcos igual que no Búbal e no Cambedo. O viño é máis de ladeira que de val, e non só, pode que estes lagares foran incluso para a elaboración de aceite
Envíame un correo a trambolosrios@hotmail.com
Bo ano, saúdos