martes, 18 de febreiro de 2014

O SILENCIOSO HOTEL DO CASTELO DE MONTERREI

Artigo publicado no periódico "Barrios" do mes de febreiro

Vai xa para dous meses que se coñeceu a noticia de que a Xunta quería converter o Castelo de Monterrei
nun hotel, dous meses dende que nos decatamos de que detrás dese andamiaxe que cobre o castelo non estaba o arranxo dun ben de interese cultural, o que había detrás dos andamios era a súa privatización.
Dous meses pode parecer pouco tempo, pero dous meses de silencio son unha eternidade. Durante todo este tempo ninguén nos explicou a grandísima idea de construír un hotel a 500 metros dun parador de turismo que din que non é viable. Non houbo quen dera resposta a que pasará despois coa xente que queira visitar o castelo. Ninguén saíu a explicarnos por que se gastan fondos europeos nun negocio que lle fará unha competencia atroz a os hoteleiros da comarca. Non se aclarou como poden facer un hotel si a cesión do castelo á Xunta de Galicia non contemplaba o seu uso lucrativo. É que nin tan sequera houbo  quen confirmara que querían instalar un hotel no castelo de Monterrei.
Ninguén explica nada, ninguén di nada. Nin por parte dos que gobernan nin por parte da oposición, con respecto a nosa fortaleza só existe silencio. Un silencio incómodo onde os haxa, un deses silencios que te fan tremer de medo. ¿Queren gastar no castelo uns cantos millóns de euros pero non o publicitan? Algo non cadra nesta historia.

De mentres calan, todo segue para adiante.  A principios do mes de xaneiro  foi adxudicado o proxecto para o uso hoteleiro do castelo a unha empresa de Santiago, pero iso si, totalmente en silencio.

Ningún comentario: