domingo, 1 de febreiro de 2015

Fotografías aéreas de Verín (1945-actualidade)


Voltamos con  unha  serie de fotografías aéreas onde podemos comprobar os cambios urbanísticos que sufriu  Verín nos últimos 70 anos. Pasando dunha aldea de val á vila máis grande do sur de Ourense.
(Fai click nas fotografías para aumentar o seu tamaño)




Voo americano serie A 1945-1946
Nesta primeira fotografía, tomada entre os anos 1945 e 1946, Verín pouco máis abarca que o que hoxe se denomina o "Casco Vello. Algúns edificios que actualmente se encontran integrados no núcleo urbano, como o balneario de Fontenova ou o cemiterio, atopábanse daquela nas aforas de Verín. Observase tamén que a Avda. de portugal e a Avda. de Laza estaban  arboladas.



Voo americano serie B 1956-1957
Dez anos despois xa é visible o crecemento de Verín que comeza a espallarse pola Avda. de Portugal, a Rúa Laureano Peláez, a Avda. de Sousas e a Avda de Castela. Comezan a construírse chalets na Avda. de Portugal e desaparecen as arbores da Avda. de Laza.



Voo interministerial -1973-1986
A finais dos anos 70 o crecemento da vila xa é notable, urbanízanse novas zonas como a Rúa Espido, os terreos que separan a Avda. de Sousas coa Avda. de Castela ou a Rúa S. Antón. Aparece o Parador e desaparecen as rúas arboladas.




Voo nacional 1980-1986 (fotografía de abril de 1985)
A mediados dos anos 80 Verín segue a crecer a un gran ritmo, os maiores cambios constátanse na Avda. de Portugal e de Laza, aparece o parque da Alameda e xa se empeza a observar o embrión do que despois será a Rúa Deputación.



Fotografía por satélite de Google (ano 2000)
A comezos do novo milenio o crecemento urbanístico de Verín é extraordinario,  rúas que 15 anos antes non existían, como a Rúa Deputación ou a Rúa Irmáns Moreno xa están totalmente urbanizadas, a maiores Verín continua expandíndose polas avenidas de Laza, Portugal e Castela.




Fotografía IGN (ano 2011)
E chegamos a actualidade, a expansión urbanística da Verín sofre un gran freazo, a construción de novos inmobles comeza a decaer, deixándose de edificar nas aforas da vila para edificar solares baleiros que quedaran no centro.