domingo, 13 de outubro de 2013

Topónimos da comarca (II)

Volvemos de novo cun pequeno artigo sobre o significado dos nomes das aldeas da nosa comarca:
Castrelo do Val: Este topónimo provén da palabra latina “Castrum” máis o sufixo diminutivo “elo”. Este termo latino “Castrum”,  tan ben pode significar castro como calquera outro tipo de fortificación.
Marbán: Este parece ser un dos poucos topónimos de orixe árabe que se encontran na nosa comarca. Provén do nome propio Marwan, que posiblemente fose o posuidor desas terras
Gondulfes: A orixe deste topónimo e claramente xermánica. Segundo Dasairas este topónimo esta formado por dúas palabras, “Gond”  que significaría loita e “ulfes” que provén de wulfs e que significaría lobo.
Espiño: Este nome deriva do latín “Spinu”, que é un fitotopónimo que pode designar distintas especies botánicas.
Rubios: Este topónimo procede da palabra latina Rubeus” co significado de Vermello ou avermellado.

Rexosende: É outro dos exemplo de nome de aldea que temos na comarca cun claro orixe xermánico. A terminación “sende” esta claramente identificada como senda ou camiño, pero a primeira parte desta palabra xa non ten un significado tan claro, polo que, este topónimo tanto pode indicar unha senda tenebrosa como un camiño real.

domingo, 8 de setembro de 2013

Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras

Nesta nova publicación saímos da nosa comarca de referencia para visitar a veciña comarca da Limia, e máis concretamente, a aldea de Trandeiras. Este pobo contén unha das visitas ineludibles da nosa zona, nel atópanse as ruínas dun antigo mosteiro, o chamado “Mosteiro do Bon Xesús”.


O Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras empezouse a construír no ano 1520, e tres anos despois de comezar  coa obra, e a pesar de inda non estar rematado o mosteiro, xa vivían nel uns frades franciscanos xunto con un gardián. A obra é de estilo tardío gótico-portugués (Manuelino) con elementos renacentistas, e como curiosidade sobre a súa fundación, existe un escrito de esa época onde afirma que o conde de Monterrei D. Fernando de Andrade mandou ata alí mil homes armados temendo que o que se estaba a construír fora un castelo que rivalizase co seu condado.
Este desencontro co Conde de Monterrei foi o primeiro de moitos incidentes que tería este mosteiro ó largo da súa historia, pois antes de pasar 150 anos dende que empezaran a súa construción, no ano 1668, o mosteiro foi pasto dun tremendo incendio que non perdoou nin a igrexa nin ningunha cela dos frades. Máis tarde, durante a guerra de Independencia, as tropas francesas causaron numerosos danos no convento, e asasinan e torturan a moitos dos frades que alí vivían.





Pouco tempo despois, o 3 de febreiro de 1813, un novo incendio xorde pola noite mentres os frades durmían, o forte vento de aquela noite provoca que o lume acabe con tódolos dormitorios, a cociña e o claustro. O fin da vida monacal neste mosteiro prodúcese en 1835, coa  exclaustración dos frades e a súa posterior desamortización, momento no cal, o mosteiro queda abandonado.

Hoxe en día, moitas das pedras e da madeira do mosteiro desapareceron para pasar a formar parte de outras construcións ou xardíns. Pero os restos que alí quedan conforman un cadro precioso que parece sacado da mente de un pintor do romanticismo, unha paisaxe digna de ser visitada e admirada.







xoves, 20 de xuño de 2013

A Muralla de Verín

Baluarte de Rua Elle ó caron do Támega

Na nosa comarca, o castelo de Monterrei, parece exercer coma un faro que nos atrae e  nos ilumina. El danos a benvida cando volvemos dunha lonxana viaxe, axúdanos a orientarnos se saímos a dar unha camiñata e se temos invitados de fóra é o primeiro (e case se pode dicir que o único sitio) que lle queremos ensinar. Pero posiblemente sexa a luz deste faro a que nos cegue e non nos deixe ver algunhas cousas que estando máis próximas pásannos desapercibidas.
Por iso, hoxe quero falar da muralla de Verín. Unha muralla que nos seus días serviu tanto de defensa da vila como de motivo de orgullo dos seus veciños, e que hoxe, non é máis cun esmorecente recordo sustentando nun ruinosos baluarte que inda sobrevive a beira do río.
A construción da muralla créese que se iniciou en torno ó ano 1646 con motivo da guerra de restauración portuguesa, e aínda que esta data non é segura, o que si é seguro e que entre mediados do S. XVII e principios do S. XVIII Verín quedou completamente amurallado. Esta muralla verinense contaba cun diámetro aproximado de dous quilómetros e once baluartes como o que hoxe podemos atopar entre o río e a Rúa Elle. As súas medidas aproximadas serían de 0.80 metros de grosor por 4.80 metros de altura. O número de portas coas que contaba a muralla non se sabe a ciencia certa, pero as miñas investigacións lévanme a pensar que contaría con catro portas: unha en dirección a Laza por Vilela, unha segunda cara ó barrio de S. Lázaro, outra polo camiño que levaba a Chaves e finalmente as chamadas “Portas de Madrid” que se situaban no que hoxe é o cruce da Avenida de Laza coa Rúa Rosalía de Castro.

O fin desta muralla ten unha data concreta, o 8 de maio de 1849, este foi o día no que tivo lugar a subasta da pedra e o terreo de toda a muralla verinense, terminando así coa defensa que nos protexera durante máis de dous séculos da nosa historia.
Último vestixio da muralla de Verín

mércores, 20 de febreiro de 2013

Castro do Outeiro da Cruz




De tódolos castros que hai na comarca de Monterrei existe un o que lle teño un cariño especial. Falo do “Castro do Outeiro da Cruz”, un enorme castro situado a escasos 500 metros da estrada N-532 entre as aldeas de Tamaguelos (Verín) e Rabal (Oímbra). Este castro ten unha forma ovalada, típica de moitos  dos castros da zona, e as súas dimensións máximas son de 140 x 250 metros, o que o converte nun dos castros máis grandes da nosa comarca.
Vista dunha das murallas
No interior do castro xa non se conserva ningún resto do antigo poboado, este feito seguramente é debido o gran número de aldeas que existen neste 
tramo do val o que provocou que calquera material que fora susceptible de ser  reutilizado xa fai tempo que foi levado. Sen embargo, na depresión que precede a entrada do castro si que podemos atopar pequenos anacos de tégula polo que existe a posibilidade de que fora romanizado.
Sen embargo, o que de verdade  fai especial a este castro non son as súas dimensións ou a ausencia de restos no seu interior, o que ten de especial o castro son as súas defensas. Este castro está formado pola sucesión de tres parapetos e dúas murallas construídas todas elas en terra, converténdoo en algo único na nosa zona e case me atrevería a dicir en toda Galicia.


Mapa de pendentes do Outeiro da Cruz

Pero o que o Outeiro da Cruz ten para amosarnos non acaba no castro, xa que moi preto del existen tres xacementos arqueolóxicos catalogados que sen dúbida deberon de estar ligados a este castro.
Peneda da Moura
Dous destes tres xacementos son petroglifos, están declarados ben de interese cultural e  localízanse a 450 e 350  metros do castro en dirección nordeste. O primeiro deles é o chamado “Peneda da Moura” que a pesares de que xa fora estudado en numerosas ocasións, case queda destruído pola construción da autovía A-75, a cal pasa polo seu asentamento orixinal. Só unha denuncia de última hora conseguiu salvar a este petroglifo, aínda que no seu corte e posterior traslado a peneda sufriu moitos danos . O segundo petroglifo foi descuberto recentemente no estudo do PXOM de Verín do ano 2012,  leva por nome “Petroglifo da Fonte do Xancán” e aínda non fun quen de atopalo.
Fonte do Xancán ( Foto do PXOM 2012 de Verín)

Antes e despois da Peneda da Moura


Tegula en “As lamas/ San Salvador”
O terceiro xacemento é o chamado “As lamas/ San Salvador”. Trátase dun xacemento romano-medieval situado na ladeira noroeste do Outeiro da Cruz, segundo parece, uns veciños de Tamaguelos mentres traballaban a terra, encontraron alí dous depósitos escavados na  pedra, un de forma rectangular e outro de forma ovalada e con enlucido, tamén atoparon  unha fosa, a modo de sepultura que conservaba unha moeda e unha caveira. Esta, ao parecer, desfíxose ao intentar collela. No mesmo lugar, tamén estivo asentada unha capela dedicada a S. Salvador, polo que é probable que este fora un lugar de cultos pagáns que logo se cristianizou.
Coviñas nas proximidades do castro
Estes catro anacos da historia da comarca fan do Outeiro da Cruz un lugar único e especial. Un outeiro que permanece durmido a espera de que, con voz brava e forte, unha escavación arqueolóxica lle diga: Levántate e anda.








Bibliografia:

Pxom 2012 do concello de Verin
 Amado Rolán, N., Varela Barrios, C. e González Vázquez, I. (1991) :Prospección arqueolóxica do concello de Verín
Rúa Martinez, B. (2007) : Guía arqueolóxica do Alto Támega