De tódolos castros que hai na comarca de Monterrei existe un
o que lle teño un cariño especial. Falo do “Castro do Outeiro da Cruz”, un
enorme castro situado a escasos 500 metros da estrada N-532 entre as aldeas de
Tamaguelos (Verín) e Rabal (Oímbra). Este castro ten unha forma ovalada, típica
de moitos dos castros da zona, e as súas
dimensións máximas son de 140 x 250 metros , o que o converte nun dos castros
máis grandes da nosa comarca.
Vista dunha das murallas |
No interior do castro xa non se conserva ningún resto do
antigo poboado, este feito seguramente é debido o gran número de aldeas que
existen neste
tramo do val o que provocou que calquera material que fora susceptible de ser reutilizado xa fai tempo que foi levado. Sen embargo, na depresión que precede a entrada do castro si que podemos atopar pequenos anacos de tégula polo que existe a posibilidade de que fora romanizado.
Sen embargo, o que de verdade fai especial a este castro non son as súas dimensións ou a ausencia de restos no seu interior, o que ten de especial o castro son as súas defensas. Este castro está formado pola sucesión de tres parapetos e dúas murallas construídas todas elas en terra, converténdoo en algo único na nosa zona e case me atrevería a dicir en toda Galicia.
Mapa de pendentes do Outeiro da Cruz |
Pero o que o Outeiro da Cruz ten para amosarnos non acaba no
castro, xa que moi preto del existen tres xacementos arqueolóxicos catalogados
que sen dúbida deberon de estar ligados a este castro.
Peneda da Moura |
Dous destes tres xacementos son petroglifos, están
declarados ben de interese cultural e
localízanse a 450 e 350 metros do
castro en dirección nordeste. O primeiro deles é o chamado “Peneda da Moura”
que a pesares de que xa fora estudado en numerosas ocasións, case queda
destruído pola construción da autovía A-75, a cal pasa polo seu asentamento orixinal.
Só unha denuncia de última hora conseguiu salvar a este petroglifo, aínda que
no seu corte e posterior traslado a peneda sufriu moitos danos . O
segundo petroglifo foi descuberto recentemente no estudo do PXOM de Verín do
ano 2012, leva por nome “Petroglifo da
Fonte do Xancán” e aínda non fun quen de atopalo.
Fonte do Xancán ( Foto do PXOM 2012 de Verín) |
Antes e despois da Peneda da Moura |
Tegula en “As lamas/ San Salvador” |
Coviñas nas proximidades do castro |
Bibliografia:
Pxom 2012 do concello de Verin
Amado Rolán, N., Varela Barrios, C. e González Vázquez, I. (1991) :Prospección arqueolóxica do concello de Verín
Rúa Martinez, B. (2007) : Guía arqueolóxica do Alto Támega
Ningún comentario:
Publicar un comentario