xoves, 20 de xuño de 2013

A Muralla de Verín

Baluarte de Rua Elle ó caron do Támega

Na nosa comarca, o castelo de Monterrei, parece exercer coma un faro que nos atrae e  nos ilumina. El danos a benvida cando volvemos dunha lonxana viaxe, axúdanos a orientarnos se saímos a dar unha camiñata e se temos invitados de fóra é o primeiro (e case se pode dicir que o único sitio) que lle queremos ensinar. Pero posiblemente sexa a luz deste faro a que nos cegue e non nos deixe ver algunhas cousas que estando máis próximas pásannos desapercibidas.
Por iso, hoxe quero falar da muralla de Verín. Unha muralla que nos seus días serviu tanto de defensa da vila como de motivo de orgullo dos seus veciños, e que hoxe, non é máis cun esmorecente recordo sustentando nun ruinosos baluarte que inda sobrevive a beira do río.
A construción da muralla créese que se iniciou en torno ó ano 1646 con motivo da guerra de restauración portuguesa, e aínda que esta data non é segura, o que si é seguro e que entre mediados do S. XVII e principios do S. XVIII Verín quedou completamente amurallado. Esta muralla verinense contaba cun diámetro aproximado de dous quilómetros e once baluartes como o que hoxe podemos atopar entre o río e a Rúa Elle. As súas medidas aproximadas serían de 0.80 metros de grosor por 4.80 metros de altura. O número de portas coas que contaba a muralla non se sabe a ciencia certa, pero as miñas investigacións lévanme a pensar que contaría con catro portas: unha en dirección a Laza por Vilela, unha segunda cara ó barrio de S. Lázaro, outra polo camiño que levaba a Chaves e finalmente as chamadas “Portas de Madrid” que se situaban no que hoxe é o cruce da Avenida de Laza coa Rúa Rosalía de Castro.

O fin desta muralla ten unha data concreta, o 8 de maio de 1849, este foi o día no que tivo lugar a subasta da pedra e o terreo de toda a muralla verinense, terminando así coa defensa que nos protexera durante máis de dous séculos da nosa historia.
Último vestixio da muralla de Verín