Baluarte de Rua Elle ó caron do Támega |
Na nosa comarca, o castelo de
Monterrei, parece exercer coma un faro que nos atrae e nos ilumina. El danos a benvida cando volvemos
dunha lonxana viaxe, axúdanos a orientarnos se saímos a dar unha camiñata e se
temos invitados de fóra é o primeiro (e case se pode dicir que o único sitio)
que lle queremos ensinar. Pero posiblemente sexa a luz deste faro a que nos
cegue e non nos deixe ver algunhas cousas que estando máis próximas pásannos desapercibidas.
Por iso, hoxe quero falar da muralla
de Verín. Unha muralla que nos seus días serviu tanto de defensa da vila como
de motivo de orgullo dos seus veciños, e que hoxe, non é máis cun esmorecente
recordo sustentando nun ruinosos baluarte que inda sobrevive a beira do río.
A construción da muralla créese que
se iniciou en torno ó ano 1646 con motivo da guerra de restauración portuguesa,
e aínda que esta data non é segura, o que si é seguro e que entre mediados do
S. XVII e principios do S. XVIII Verín quedou completamente amurallado. Esta muralla
verinense contaba cun diámetro aproximado de dous quilómetros e once baluartes
como o que hoxe podemos atopar entre o río e a Rúa Elle. As súas medidas
aproximadas serían de 0.80
metros de grosor por 4.80 metros de altura.
O número de portas coas que contaba a muralla non se sabe a ciencia certa, pero
as miñas investigacións lévanme a pensar que contaría con catro portas: unha en
dirección a Laza por Vilela, unha segunda cara ó barrio de S. Lázaro, outra
polo camiño que levaba a Chaves e finalmente as chamadas “Portas de Madrid” que
se situaban no que hoxe é o cruce da Avenida de Laza coa Rúa Rosalía de Castro.
O fin desta muralla ten unha data
concreta, o 8 de maio de 1849, este foi o día no que tivo lugar a subasta da
pedra e o terreo de toda a muralla verinense, terminando así coa defensa que
nos protexera durante máis de dous séculos da nosa historia.
Último vestixio da muralla de Verín |
Ningún comentario:
Publicar un comentario