xoves, 29 de decembro de 2011

Mosteiro de Vilaza

O mosteiro de Vilaza é hoxe en día case que unha lenda, pero unha torre, chamada comunmente a “Torre dos Templarios” empeñase en recordarnos aqueles tempos medievos nos que polas rúas de Vilaza paseaban monxes e clérigos.


Os primeiros datos dun mosteiro na localidade de Vilaza lévanos ata o 1 de agosto do 985, desta data é o documento do Tombo de Celanova onde se informa “da fundación do mosteiro de Santa Cruz de Vilaza por Piñota Goda e a súa filla Eloyna Goda. Estas nobres señoras fundan e dotan o mosteiro con once vilas: Vilaza, Villar de Moa, Villama, Banavata, Perrelos, Tamaguelos, Vilariño, Pazo, Cerdedelo, Calvekos e Souto de Amorío. A isto engaden as súas xoias para dotar a sancristía, o refectorio e os dormitorios”¹. Deste mosteiro de Santa Cruz de Vilaza só se volve saber cando se une ó mosteiro de Celanova uns anos despois do 1043.
No século XII, e consagrado polo Bispo Martiño (1132-1157), aparece o mosteiro de S. Salvador de Vilaza. Deste novo mosteiro coñecese o nome dalgúns abades como son: Pedro González (1231), Xoán Lourenzo (1386-1401), Xoán Piñeiro (1436-1458), Ares Fdez. de Vilasante (1458-1479) e Xoán de Deza (1479-1506).
A comezos do século XVII os bens do mosteiro incorpóranse o “Colexio da Compañía de Xesús” en Monterrei, descoñecendo ata que tempo se mantivo alí a vida monástica.

Respecto ó lugar onde se asentaba o mosteiro, parece claro que sería a igrexa de S. Salvador, como así atestiguan os arqueólogos Celso Rodríguez Cao e Jesús Ferro Couselo e un informe do Dr. Salazar que escribe con motivo dun pleito sobre o patronazgo  da abadía no século XVII. Sin embargo, outro informe, este de D. Frai Martín de Córdoba (finais do século XVI) recoñece a igrexa de S. María como a do antigo mosteiro e dí que nunha parede esta escrito MCCXII que ven a ser o ano 1212. Neste mesmo informe tamén dí que fora mosteiro de canónicos regulares ou de templarios opinión que tamén apoiaba ó licenciado Plasencia.


¹- Monasterio de S. Salvador de Vilaza estudio histórico-artistico de la torre medieval de Vilaza-Monterrei de: Celso Rodríguez Cao

domingo, 11 de decembro de 2011

Topónimos da comarca (I)


Aquí vos deixo o significado de algúns pobos da comarca, en canto poida subirei algúns mais



Granxa: Este topónimo procede da antiga palabra “grania”, que se refire a antigas grañas ou granxas; fundacións eclesiásticas de rango inferior aos mosteiros e priorados. As cales, tendo á fronte un monxe labrego, chamado mestre, eran as que fornecían alimentos e produtos agropecuarios aos seus respectivos cenobios

Moimenta: O Topónimo ten a súa orixe no termo latino “monumentum” e en xeral refírese a enterramentos, dolmens ou túmulos.

Medeiros: Segundo o profesor Fernando Cabeza Quiles no seu libro Os nomes de lugar (1992), este topónimo provén do vocábulo latino “meta” co significado de Moxón-termino.

Mourazos: Malia que a súa orixe etimolóxica semella proceder da base preindoeuropea “mor” (rocha, pedra, lugar pedroso),  Xerardo Dasairas no seu libro: Crónicas Rexiomontanas, fai derivar este topónimo do nome “Mauratius - Maurus”. Eu persoalmente creo que este topónimo é unha derivación de “Mouro”, ese ser fantástico do imaxinario popular galego que habita na maioría das zonas arqueolóxicas galegas e que neste caso podería proceder da vila romana da “ Muradella”.

Laza: Segundo Dasairas, provén dunha “Villa Latia”, do antropónimo latino Latius, pero tamén advirte de que hai quen o fai derivar de “Glatia” significando lazo ou frío.

Verín: Tanto Fernando Cabeza Quiles como Xerardo Desairas din que procede do antróponimo “Verinus” pero defiren na súa orixe. Fernando Cabeza faino derivar de “Verini”, mentres que Dasairas di que ven de “Verio”.

Navallo (Rios e Laza) e Naveaus: Tanto Fernando Cabeza Quiles como Xerardo Desairas voltan a estar de acordo na procedencia destes tres topónimos e din que procede da raíz preindoeuropea “Nav ou Nava” significando, depresión pantanosa ou pola que corre un río. Pero Bruno Rúa na súa “Guía arqueolóxica do alto Támega” di que os tres topónimos deben os seus nomes a deusa galaica Navia.


Flariz: Parece que provén dunha “Villa Frarici”, antropónimo medieval de orixe xermánica de nome Fraricus inda que Xerardo Dasairas fala de que pode vir de freire (frade).

Vilaza: Xerardo Dasairas faino derivar dunha “Villa Actia” ou dunha “Villa Attila” romana, pero Fernando Cabeza Quiles simplemente di que é o aumentativo de vila, Vilaza= Vila grande.