mércores, 20 de febreiro de 2013

Castro do Outeiro da Cruz




De tódolos castros que hai na comarca de Monterrei existe un o que lle teño un cariño especial. Falo do “Castro do Outeiro da Cruz”, un enorme castro situado a escasos 500 metros da estrada N-532 entre as aldeas de Tamaguelos (Verín) e Rabal (Oímbra). Este castro ten unha forma ovalada, típica de moitos  dos castros da zona, e as súas dimensións máximas son de 140 x 250 metros, o que o converte nun dos castros máis grandes da nosa comarca.
Vista dunha das murallas
No interior do castro xa non se conserva ningún resto do antigo poboado, este feito seguramente é debido o gran número de aldeas que existen neste 
tramo do val o que provocou que calquera material que fora susceptible de ser  reutilizado xa fai tempo que foi levado. Sen embargo, na depresión que precede a entrada do castro si que podemos atopar pequenos anacos de tégula polo que existe a posibilidade de que fora romanizado.
Sen embargo, o que de verdade  fai especial a este castro non son as súas dimensións ou a ausencia de restos no seu interior, o que ten de especial o castro son as súas defensas. Este castro está formado pola sucesión de tres parapetos e dúas murallas construídas todas elas en terra, converténdoo en algo único na nosa zona e case me atrevería a dicir en toda Galicia.


Mapa de pendentes do Outeiro da Cruz

Pero o que o Outeiro da Cruz ten para amosarnos non acaba no castro, xa que moi preto del existen tres xacementos arqueolóxicos catalogados que sen dúbida deberon de estar ligados a este castro.
Peneda da Moura
Dous destes tres xacementos son petroglifos, están declarados ben de interese cultural e  localízanse a 450 e 350  metros do castro en dirección nordeste. O primeiro deles é o chamado “Peneda da Moura” que a pesares de que xa fora estudado en numerosas ocasións, case queda destruído pola construción da autovía A-75, a cal pasa polo seu asentamento orixinal. Só unha denuncia de última hora conseguiu salvar a este petroglifo, aínda que no seu corte e posterior traslado a peneda sufriu moitos danos . O segundo petroglifo foi descuberto recentemente no estudo do PXOM de Verín do ano 2012,  leva por nome “Petroglifo da Fonte do Xancán” e aínda non fun quen de atopalo.
Fonte do Xancán ( Foto do PXOM 2012 de Verín)

Antes e despois da Peneda da Moura


Tegula en “As lamas/ San Salvador”
O terceiro xacemento é o chamado “As lamas/ San Salvador”. Trátase dun xacemento romano-medieval situado na ladeira noroeste do Outeiro da Cruz, segundo parece, uns veciños de Tamaguelos mentres traballaban a terra, encontraron alí dous depósitos escavados na  pedra, un de forma rectangular e outro de forma ovalada e con enlucido, tamén atoparon  unha fosa, a modo de sepultura que conservaba unha moeda e unha caveira. Esta, ao parecer, desfíxose ao intentar collela. No mesmo lugar, tamén estivo asentada unha capela dedicada a S. Salvador, polo que é probable que este fora un lugar de cultos pagáns que logo se cristianizou.
Coviñas nas proximidades do castro
Estes catro anacos da historia da comarca fan do Outeiro da Cruz un lugar único e especial. Un outeiro que permanece durmido a espera de que, con voz brava e forte, unha escavación arqueolóxica lle diga: Levántate e anda.








Bibliografia:

Pxom 2012 do concello de Verin
 Amado Rolán, N., Varela Barrios, C. e González Vázquez, I. (1991) :Prospección arqueolóxica do concello de Verín
Rúa Martinez, B. (2007) : Guía arqueolóxica do Alto Támega