Hoxe quero dar conta da miña última escapada a un dos castros da comarca, trátase do castro “Muro do Búbal”, situado entre Espiño e Medeiros. É un dos castros máis grandes da comarca e probablemente o que mellor conserva as súas murallas e sistemas defensivos.
A ruta que escollín para chegar ó castro sae dende Espiño, hai que atravesar a aldea e o pasar a “Capela do S. Roque” coller a pista que segue cara o río Búbal en dirección norte, é unha pista en boas condicións pola que pode pasar calquera tipo de coche. Antes de chegar o río Búbal hai unha parada obrigada. Trátase das ruínas do “Muíño do Larouco” , un antigo muíño de Espiño, dos máis grandes que teño visto.
Unha vez que se chega a ponte haberá que deixar aí o coche e seguir andando, pois o camiño complicase un pouco. Ó atravesar o río hai varios cruces de camiños vellos (eu contei ó menos catro), podemos coller o que nos pete sempre que teñan dirección o nacente e cara o alto do outeiro. Xusto antes de chegar o castro, pasamos por unha zona de antigas terrazas para as viñas, onde se pode ver os antigos muros que delimitaban as fincas e algunha que outra caseta en ruínas. Nunha destas casetas encontrei un lagar aínda en pé.
A entrada o castro faise por un camiño sinuoso e cunha pendente considerable. Ó chegar o alto, xusto antes de entrar o castro, aínda son visibles os restos de dúas torres defensivas. O castro ten unhas dimensións de 150 metros de largo por 116 metros de ancho. A muralla está moi ben conservada, acadando nalgúns lugares ata os tres metros de altura. Dentro do castro non queda nada das antigas vivendas, unicamente sobrevive unha inmensa construción , pegada o fondo leste da muralla e co seu mesmo grosor, as medidas desta construción son, 16 metros de longo e 11 de ancho. Descoñecese a utilidade que podía ter este edificio pero Bruno Rúa¹ fala da posibilidade de que fora unha especie de salón comunal ou a vivenda de “alguén” importante.
Dende logo foi unha ruta agradable e invítovos a todos a que a fagandes e vexandes de primeira man un anaquiño da nosa historia
¹Guía arqueolóxica do Alto Támega.
6 comentarios:
bo trabalho,obrigado.
de novo moi bo e duro trabalho, obrigado.
Eu tamen estiven nese castro, solamente polo entorno xa merece a pena.
Moitas gracias, dende logo que merece a pena só polo entorno, o malo e que ardeu neste verán e agora xa non dice tan bonito
Fermosa e enriquecedora ruta!!!
Mi padre era de Espiño y pasábamos allí todos los veranos.
Tendré que seguir la ruta este año porque desconocía el castro.
Publicar un comentario