sábado, 1 de decembro de 2012

Os biosbardos



Os biosbardos son unha figura mitolóxica existente en Galicia coa que se adoita gastar bromas aos non iniciados na súa caza.

Na broma, que normalmente é gastada a algunha persoa foránea, invitase ao non iniciado a ir cazar biosbardos durante a vindeira noite, para a cal deberá de levar un saco e un pau. Unha vez de noite, haberá que levalo a un sitio escuro, mandarlle abrir o saco a ras de terra  ou nalgún burato e coa escusa de ir espantar os biosbardos para que vaian para o saco marchar e non volver máis. Deixándoo alí ó inocente durante toda a noite.

Existe unha rima para poder cazar o biosbardos, que moitas veces o incauto quedaba repetindo toda a noite:

Biosbardo
ven o saco
que a alpabarda
por ti agarda

A súa orixe parece estar relacionada con algún posible ritual iniciático da caza, onde para formar parte dese grupo de cazadores o non iniciado tería que pasar unha noite só na escuridade.
Seres semellantes ós Biosbardos son: Os gamusinos, espallados por diversos puntos da península e Cuba; os dahu, da rexión alpina de Francia, da Suíza e Italia francófonas e o tamarro de Cataluña e Andorra 

sábado, 3 de novembro de 2012

Os Séculos Escuros e o prerexurdimento na comarca de Monterrei




Denomínase Séculos Escuros ó período que vai dende o século XVI ó XVIII. Nesta etapa da historia, a lingua galega, falada por toda a poboación na época medieval (desde os reis e bispos até as clases máis desfavorecidas), deixa de empregarse como lingua escrita a favor dun castelán impulsado dende as cortes de Castela. As manifestacións literarias en galego son moi escasas, pero aquí, na comarca de Monterrei temos algúns exemplos.




SONETO DE MONTERREI

O Soneto de Monterrei é un poema de estilo renacentista do século XVI (posiblemente na década de 1530). É unha das poucas mostras de poesía  galega nos Séculos Escuros.
 Este poema de autor descoñecido presenta a súa  composición nun ambiente bucólico, cun ton especialmente narrativo na primeira estrofa (que funciona coma unha especie de introdución) é dialogado nas tres restantes, reproducindo unha conversa entre unha pastora e un home, a cal lembra polo espazo en que se produce e pola situación dada (non polo contido do diálogo) ás pastorelas medievais.

Alá en Monterrei en Val de Laça,
a Violante vi beira de un río
tan fermosa, en verdá, que quedei frío
de ver alma inmortal en mortal maça.

De un alto e lindo corpo a seda laça
a pastora sacaba fío a fío,
quando lle dise: - “Morro, corta o fío”
- “Vólveo, non cortarei, seguro pasa”.

- “¿E como pasarei, se eu acá quedo?
Se pasar –respondí- non vou seguro
que este corpo, sen alma, morra cedo”.

- “Coa miña, que levas, te aseguro
que non morras pastor” – “Pastora hei medo;
o quedar me parece máis seguro.




ÉGLOGA DA VIRGINE DEIPARA

Manuscrito da obra "Égloga da Virgine Deipara"

O segundo exemplo é unha obra de teatro creada no colexio xesuíta de Monterrei e representada en 1581 no mesmo colexio diante de D. Gaspar de Acevedo e Zúñiga conde de Monterrei por aquela época.
O Conde de Monterrei D. Gaspar de Acevedo e Zúñiga
Esta peza de teatro é de estilo pastoril e aínda que utiliza o galego, non encaixa estritamente na literatura galega, xa que ademais de galego tamén utiliza o portugués, o latín e o castelán. Sendo estes dous últimos os máis utilizados na obra.
O argumento da obra é unha festa que un pastor chamado Regiano vai a facer para o día da concepción da virxe. O pastor anuncia a súa festa por tódalas partes de onde tódolos lugares de onde normalmente viñan  os estudantes do colexio. Chegando pastores de todos eses lares que “Armaran asi un justoso desafio sobre quien alabara mejor aquella de quien todos somos mui aficionados y debotos”.
A obra termina cun himno en galego sobre a irmandade entre portugueses, galegos e casteláns:


“Viva!, Viva!, Viva!
Philippo en Portugal
Castela e Galicia
con grande irmandad.
Vivan os galegos
e os castelás
e os lusitanos
seglares e crego[s]
no aia mays renegos
nem guerra ne afan”


Esta obra teatral créese que serviu de inspiración para o : “Entremés famoso sobre a pesca do rio Miño” peza teatral de Gabriel Feixoo de Araúxo de arredor de 1671, que pasa por ser a primeira escrita totalmente en galego.




Louvores do Cardeal Quevedo

Cardeal Pedro Quevedo e Quintano
Por último os “Louvores do Cardeal Quevedo” son un conxunto de tres poemas independentes realizados probablemente en 1816 con motivo da proclamación como cardeal do bispo de Ourense Pedro Quevedo e Quintano. Estes poemas xa non pertencen ós Séculos Escuros, senón ó prerrexurdimento, unha etapa intermedia entre os Séculos Escuros e o rexurdimento  que transcorre entre 1808 (ano do comezo da guerra contra os franceses) e 1863 (data da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro).
Pois ben, dous destes tres poemas foron atopados nun manuscrito que achou Fermín Bouza-Brey en 1927 na parroquia de Mandín. Bouza obtivo o citado documento do crego Benito Montero Álvarez. Posteriormente, facilitoulle este testemuño a Xosé María Álvarez Blázquez, quen editou por primeira vez os dous poemas  no tomo II da súa Escolma de Poesía Galega.

Albíxiras, pobre xente,
pois voso pai un fatelo
ten que lle chaman capelo,
bó pra ter o corpo quente.
E inda eu nunca revente
se non vo lo ha de dar.
Calade, que ha de estrañar
verse todo de encarnado,
y entonces se bota a un lado.
¡Cómo habedes de campar!






Albíxaras, meu crego que esto escribes;
albíxeras, por máis que a pruma mollas
nas engradas que pingan polas follas
e pingarán de gozo mentras vives.
De albíxaras e gaita non te prives;
bota outro trago, pesares xa non collas,
pois aquil de quen todo recibiche
de bispo a cardenal subido viche.


Estes dous poemas chegaron ata os nosos días sen asinar, pero pénsase que foron escritos pola mesma man.






Bibliografía:
  •  LA ÉGLOGA DE VIRGINE DEIPARA Y EL TEATRO DE LOS JESUITAS EN GALICIA DURANTE LA EDAD MODERNA.  Instituto Ignacio de Loyola


  •  A LITERATURA GALEGA DOS SÉCULOS ESCUROS E DO PRERREXURDIMENTO.  Juan Javier Baldomir Cabanas





luns, 15 de outubro de 2012

Augas da comarca: Manancial de Cabreiroá



Se hai algo que caracteriza o val de Monterrei, ademais do viño e do entroido, son as súas augas minerais. Con esta publicación sobre o manancial de Cabreiroá quero comezar unha sección que revisará os mananciais da comarca dende os máis famosos ata algúns practicamente descoñecidos.

Nun principio o manancial de Cabreiroá non era máis que unha charca que só coñecían os veciños do lugar. Aínda que xa era utilizada en busca de remedio para certos males, a súa fama non chegaba moito máis alá  da aldea de Cabreiroá. Foi entón cando o cura da parroquia, en agradecemento pola mellora experimentada grazas as súas augas, decidiu construír alí unha fonte. A construción desta primeira fonte, provoca o aumento da súa sona en toda a comarca, o que levou a D. José Manuel García  Barbón a analizar as augas que alí brotaban.
Estatua de Ramón y Cajal no recinto do balneario
Unha vez que as súas propiedades son certificadas, D. García Barbón adquire a fonte e os terreos colindantes, emprendendo obras de hixiene e embelecemento para dar ó manancial unhas mellores condicións e facilitar o acceso ós auguistas. Como consecuencia destas obras, o número de visitantes sufre un gran aumento, o que leva a construír, en 1906, unha planta de envasado. Nese momento vólvese a solicitar un análise da auga a D. Santiago Ramón y Cajal, premio nobel de fisioloxía e medicina, quen certifica o excelente estado da auga e as súas propiedades mineromedicinais, polo que o 15 Decembro dese mesmo ano foron declaradas de utilidade pública.

Entrada ó xardín

Vista do hotel

Foto do hotel e o tranvía
En 1907 inícianse as obras do hotel-balenario, ofrecéndolles ós visitantes unha residencia de luxo; tódalas habitacións eran amplias e con luz exterior, o hotel dispuña dunha  cociña selecta e adecuada as necesidades dietéticas dos hóspedes, un gran comedor, salón de festas, capela para uso exclusivo do balneario, sala de xogos, billar, garaxe, luz eléctrica, etc.

Pasillo da planta baixa do hotel
Pasillo da segunda plata do Hotel








Mentres, a envasadora non se queda atrás, e segundo o que publicaban os xornais da época só en Xullo de 1908 enviáronse 1730 caixas de 50 botellas cada unha de camiño para Bos Aires. Algo moi reseñable tendo en conta que na Arxentina en Xullo e inverno.



Anuncios de Cabreiroá na Arxentina
Vagón de mercancias do tranvía
En 1908 a compañía explotadora de Cabreiroá constrúe un tranvía de tracción animal para facilitar o acceso ó balneario dende o centro de Verín. Este tranvía tiña un percorrido de 2,4 Km e foi o segundo do seu tipo en toda Galicia. A liña comezaba na Rúa Laureano Peláez no seu cruce coa Rúa Luis Espada, seguía pola Rúa Constitución cara á estrada de Cabreiroá discorrendo pola Infestela. No quilómetro 1,4  a vía deixaba a estrada e enfiaba cara ó balneario cunha curva cerrada, atravesaba unha ponte construída sobre o regato que ven de Ábedes e entraba no recinto do balneario onde tiña parada fronte o pavillón das augas. Non se sabe exactamente cando deixou de estar en servizo este tranvía, aínda que se cree que foi en 1930 pois daquela o balneario xa oferta viaxes en automóbil e en autocar.
Antiguo etiquetado das augas de Cabreiroá

En 1936, e debido a guerra civil,  pecha por primeira vez o hotel-balneario para converterse entón en Hospital de enfermería para o fronte de Asturias. O acabar a guerra volta a abrir ata que en 1961 pecha definitivamente as súas portas.

Pero o peche do hotel-balneario non interfire na planta de envasado que sigue a súa produción de auga embotellada. Na década dos 90, Hijos de Rivera (Estrella Galicia) entra no accionariado da empresa e no ano 2006 adquire a totalidade dela, dende entón leva invertido máis de 12 millóns de euros en incorporar as instalacións a tecnoloxía máis avanzada do mercado.
Quiosco dos auguistas
O quiosco por dentro










Hoxe en día, o recinto do balneario segue a ser visitado por milleiros de turistas e veciños da zona. O seu xardín é único na zona, do seu quiosco segue a saír auga para calquera que se queira pasar por alí e as súas impoñentes árbores parecen que suban ata o ceo dotando a  todo o recinto dunha aura mística de paz e harmonía.







Enlaces de interes: