luns, 15 de outubro de 2012

Augas da comarca: Manancial de Cabreiroá



Se hai algo que caracteriza o val de Monterrei, ademais do viño e do entroido, son as súas augas minerais. Con esta publicación sobre o manancial de Cabreiroá quero comezar unha sección que revisará os mananciais da comarca dende os máis famosos ata algúns practicamente descoñecidos.

Nun principio o manancial de Cabreiroá non era máis que unha charca que só coñecían os veciños do lugar. Aínda que xa era utilizada en busca de remedio para certos males, a súa fama non chegaba moito máis alá  da aldea de Cabreiroá. Foi entón cando o cura da parroquia, en agradecemento pola mellora experimentada grazas as súas augas, decidiu construír alí unha fonte. A construción desta primeira fonte, provoca o aumento da súa sona en toda a comarca, o que levou a D. José Manuel García  Barbón a analizar as augas que alí brotaban.
Estatua de Ramón y Cajal no recinto do balneario
Unha vez que as súas propiedades son certificadas, D. García Barbón adquire a fonte e os terreos colindantes, emprendendo obras de hixiene e embelecemento para dar ó manancial unhas mellores condicións e facilitar o acceso ós auguistas. Como consecuencia destas obras, o número de visitantes sufre un gran aumento, o que leva a construír, en 1906, unha planta de envasado. Nese momento vólvese a solicitar un análise da auga a D. Santiago Ramón y Cajal, premio nobel de fisioloxía e medicina, quen certifica o excelente estado da auga e as súas propiedades mineromedicinais, polo que o 15 Decembro dese mesmo ano foron declaradas de utilidade pública.

Entrada ó xardín

Vista do hotel

Foto do hotel e o tranvía
En 1907 inícianse as obras do hotel-balenario, ofrecéndolles ós visitantes unha residencia de luxo; tódalas habitacións eran amplias e con luz exterior, o hotel dispuña dunha  cociña selecta e adecuada as necesidades dietéticas dos hóspedes, un gran comedor, salón de festas, capela para uso exclusivo do balneario, sala de xogos, billar, garaxe, luz eléctrica, etc.

Pasillo da planta baixa do hotel
Pasillo da segunda plata do Hotel








Mentres, a envasadora non se queda atrás, e segundo o que publicaban os xornais da época só en Xullo de 1908 enviáronse 1730 caixas de 50 botellas cada unha de camiño para Bos Aires. Algo moi reseñable tendo en conta que na Arxentina en Xullo e inverno.



Anuncios de Cabreiroá na Arxentina
Vagón de mercancias do tranvía
En 1908 a compañía explotadora de Cabreiroá constrúe un tranvía de tracción animal para facilitar o acceso ó balneario dende o centro de Verín. Este tranvía tiña un percorrido de 2,4 Km e foi o segundo do seu tipo en toda Galicia. A liña comezaba na Rúa Laureano Peláez no seu cruce coa Rúa Luis Espada, seguía pola Rúa Constitución cara á estrada de Cabreiroá discorrendo pola Infestela. No quilómetro 1,4  a vía deixaba a estrada e enfiaba cara ó balneario cunha curva cerrada, atravesaba unha ponte construída sobre o regato que ven de Ábedes e entraba no recinto do balneario onde tiña parada fronte o pavillón das augas. Non se sabe exactamente cando deixou de estar en servizo este tranvía, aínda que se cree que foi en 1930 pois daquela o balneario xa oferta viaxes en automóbil e en autocar.
Antiguo etiquetado das augas de Cabreiroá

En 1936, e debido a guerra civil,  pecha por primeira vez o hotel-balneario para converterse entón en Hospital de enfermería para o fronte de Asturias. O acabar a guerra volta a abrir ata que en 1961 pecha definitivamente as súas portas.

Pero o peche do hotel-balneario non interfire na planta de envasado que sigue a súa produción de auga embotellada. Na década dos 90, Hijos de Rivera (Estrella Galicia) entra no accionariado da empresa e no ano 2006 adquire a totalidade dela, dende entón leva invertido máis de 12 millóns de euros en incorporar as instalacións a tecnoloxía máis avanzada do mercado.
Quiosco dos auguistas
O quiosco por dentro










Hoxe en día, o recinto do balneario segue a ser visitado por milleiros de turistas e veciños da zona. O seu xardín é único na zona, do seu quiosco segue a saír auga para calquera que se queira pasar por alí e as súas impoñentes árbores parecen que suban ata o ceo dotando a  todo o recinto dunha aura mística de paz e harmonía.







Enlaces de interes:

2 comentarios:

marko dixo...

me ha encantado lo que has escrito amigo, ENHORABUENA !!

Pequeno Historiador dixo...

Gracias