luns, 10 de setembro de 2012

Entrevista ó descubridor da “Estela do Guerreiro de Pedralta”

 Nado o sete de setembro do 1970 en Castrelo do Val. José Luís Lozano Rúa tivo unha vida normal ata que unha pedra se cruzou no seu camiño, pero non unha pedra normal. A pedra coa que José Luís se cruzou era unha estela con forma antropomórfica de máis de tres mil anos de idade. Dende que se fixo público o achado da “Estela do Guerreiro de  Pedralta” José Luís tivo que pelexar con patrimonio e as administracións para que a pedra quedara na aldea. Agora, xa pasado un tempo de todo isto, falamos con el a través do Facebook para facer unha entrevista e este foi o resultado.

 ¿Como encontraches a estela?

Como sabes, por motivos de espazo televisivo cando se deu a noticia, dixen que a atopei eu arando, cando foi outra persoa.
A leira da Pedralta é de meu irmán, Manuel Lozano Rúa, e no ano 2008 díxolle a un veciño de Vilamaior que lle roturara a leira, foi el quen arrincou a estela a un metro aproximadamente de profundidade.
Así estivo ata o ano seguinte, no alto do burato do que saíu, apoiada de plano e algo ladeada, a medias dentro e a medias fóra da terra, como se tivese vergoña de saír de todo daquel oco no que levaba non se sabe canto tempo.
Case un ano despois, dando un paseo, dende a pista chamada a Corredoira, vin aquela pedra de granito e acerqueime a vela mellor. Era pola tarde, quedaba unha hora de sol, o cal lle daba a pedra de maneira que destacaban unhas sombras que lembraban círculos dende uns quince ou vinte pasos de distancia.
Deume un salto o estómago, aquelo era un petroglifo, do cal souben o valor moito tempo despois.
Tiveron que pasar dous anos e pico para que un arqueólogo o viñera ver e puxera patas arriba todo o que eu pensaba sobre o mundo da arqueoloxía.

Dende logo que tivo que ser emocionante descubrir o petroglifo. ¿Cambiouche a vida descubrir a "Estela do guerreiro”?

Esta é unha pregunta de difícil resposta. Basicamente non, non me cambiou nada, eu sigo sendo a mesma persoa. A nivel intelectual levoume a interesarme máis pola cultura castrexa e celta e a nivel social fíxome coñecer xente que doutra maneira non houbera coñecido, como pode selo teu caso, pero especialmente o coñecer arqueólogos e demais.
Podo dicir que a nivel persoal si me cambiou un pouco, fíxenme máis implicado en certos temas, que sempre me interesaron, pero nos que non me mollaba tanto.
Resumindo,en certos aspectos cambiou un pouco de forma beneficiosa e interesante; e noutros non

¿Pensas que foi casualidade que ti encontraras a pedra?

Pois si, de tódolos veciñ@s de Castrelo, eu era o máis apropiado para atopala, ou se queres, que a pedra me atopara a min. Pódeselle botar imaxinación, e dicir incluso que o guerreiro escolleu ben á persoa que tiña que descubrilo e protexelo.
Casualidade ou non, calquera outro houbera feito outras cousas, dende vendela pedra a un empresario de Verín, ata levala para casa e facer unha mesa ou unha fonte con ela, como hai tantas por aí. No peor dos casos puido haber rematado formando parte dun muro dunha casa, como é o caso doutra parecida, que tamén era un marco entre términos e que forma parte da parede dunha lareira. Polo que sei, formaba parte doutras sete estelas que delimitaban o termino das terras de Baroncelli. Pode que a Estela do Guerreiro da Pedralta tamén fixera de linde entre as tribus que vivían nos castros de Baroncelli e da Cabanca, aínda que os arqueólogos din que non son contemporáneos, dado que hai como mil anos entre a pedra e o castro. Pero puideron delimitar esas terras dende hai eses tres mil anos cando que se calcula que a labraron e a puxeron en pé.
Vouche contar que no documento do catálogo do marqués da Ensenada de 1730, aparece como pedra do Couto,    limitando a parroquia de Vilamaior e Castrelo. O couto sería a terra pertencente á parroquia de Castrelo do val, e dando por certo que as parroquias levan sendo o que son dende os romanos, eu atrévome a dicir que os romanos moitas veces deixaban as cousas como estaban, sobre todo nas áreas onde non tomaban as poboacións pola forza, como é o noso caso. Sendo “nos” a comarca do Támega e a súa área de influenza. Área que era moi visitada pola súa riqueza en estaño para facer bronce, como atestiguan as decenas, por non dicir centenas, de minas que hai dende Vilardevós ata Laza.
Perdoa que me estenda tanto, unha pregunta relativamente sinxela coma esta da lugar a unha resposta tan complexa, por iso de tratar de explicar en palabras o que pode ser un sentimento como o de emocionarse ó ver unha pedra.

Non pasa nada, pero si que é verdade que da a sensación de que o guerreiro de pedra escolleu a outro guerreiro para que o atopara. Ti tamén te metiches en mil loitas por defender esa pedra. ¿Como foi esa guerra que mantiveches coa Xunta e con patrimonio?

Está en standby. Eu estou disposto a seguir loitando pola permanencia da estela ata onde poida, co apoio dos veciños, amigos e persoas interesadas, coa intención de presionar ó máximo a patrimonio.
Hoxe por hoxe hai un convenio entre o concello e a dirección xeral de patrimonio de Santiago, no que se di  que a pedra vai a Santiago ata fin de ano, nese tempo o concello habilita unha sala para expoñela, logo quédase un ano prorrogable a dous, e finalmente irá o museo arqueolóxico de Ourense
Dende o museo están presionando moi duro, e son os causantes do expediente que se me abriu en febreiro
Polo visto dependen da estela para o presuposto do museo, e o seu director é un pouco tocapelotas
Bueno, como che dicía, estou pensando en 'molestar' un pouco a patrimonio.

E durante este período no que loitabas por manter a estela en Castrelo, ¿sentícheste apoiado pola xente ou houbo momentos nos que te sentiches só?

Esta é unha pregunta moi persoal,e vai ter unha resposta persoal tamén.
Sentinme apoiado e incomprendido o mesmo tempo,e sobre todo abandonado polas administracións a miña sorte.
Como sabes, estiven recollendo firmas en Verín durante un mes. Tódalas mañás collía a bici e adicábame a recorrelas rúas e comercios da vila, falando coa xente. E houbo de todo, persoas que sen coñecerme decidiron pedirme unha folla para levar a súa casa e que firmara toda a familia, e outras que rexeitaron de plano a proposta.
Fun as escolas e pasou o mesmo, en dúas firmaron tódolos profesores e empregados, e houbo unha onde os profesores de historia decidiron non firmar en bloque, e incluso “perderon” as follas que lles deixei. Eu tamén estiven a punto de 'perdelos papeis' nese caso,e aínda teño pensado facer algo ó respecto, con respecto, como levar a unha arqueóloga da universidade de Vigo a dar unha charla, ou algo así .
 En canto os concellos, o de Castrelo fixo o que puido ó respecto, tendo en conta a apatía e falta de ganas común a tódolos funcionarios que coñezo, aínda que na miña opinión puido facer máis, xa que no tema da miña sanción deixáronme un pouco co cu o aire.
No concello de Verín fun falar co encargado de cultura, e recibín unha resposta que resume a perfección a súa funcionalidade, un ano despois de que a estela fose dada a coñecer polos arqueólogos a través dos medios, e saíse a nova tanto nos diarios como na televisión a súa resposta foi: “eu non sabía nada”'.
Está visto que a cultura non interesa nos concellos, e pouco nas escolas; a nivel de calle é peor,e como mostra unhas anécdotas:
Unha señora, nunha farmacia, pídolle a firma e respondeme agarrando o bolso cas dúas mans: “eu non firmo nada”. Non pasaría nada se a señora non coñecese a meus pais e xa estivera na miña casa, pero naquel momento non me mirou nin para a cara e solo pensaba que a quería estafar ou roubar.
Outra señora, moi estirada, en correos o primeiro ou segundo día de recollida de firmas: "Yo no hago de esas cosas"
Unha moza, empregada dun comercio, despois de que levara a folla alí unha semana díxome "¿Podes levar a folla? É que me enfado coa xente polo burriña que é e non podo aguantarme. E teño que ser amable porque estou aquí para servirlle os produtos”
Un amigo,dáme unha palmada nas costas e dime todo eufórico:"eu xa che firmei en tres ou catro sitios ,en tal bar, en tal librería, en tal ferretería e noutro sitio máis”
Houbo un home, propietario dun negocio hostaleiro, que cada semana tiña corenta ou cincuenta firmas, e díxome: “hai persoas que firman sen ler o papel, só porque llo pos diante, e hai outras que cando o len pregúntanme máis cousas sobre o tema. Curiosamente, as primeiras soén ser de aquí, e non saben de que vai a cousa, e as segundas son de fóra e xa coñecen a noticia polos periódicos”
Non sei se isto responde á túa pregunta, pode que me sentise só e canso, pero sempre había alguén que me animaba a seguir, persoas coma ti que eu sei que mirades un pouco máis alá do cotián.

Moitas gracias polo cumplido. Pero volvendo a pedra, nos últimos tempos supoño que tiveches moitas visitas de arqueólogos e xente do gremio ¿Que nos podes dicir dela? ¿Que é o que a fai tan especial?

Non sei ata que punto me dixeron todo o que sabían todos estes estudosos, xa que cada un ten un campo de estudo diferente, e entre eles non comparten demasiada información. Acompañando a Miguel Losada veu un antropólogo, Rafael Quintía, presidente de SAGA, que quedou impresionado ó ver a pedra, a pesares de non ser o seu campo de estudo.
Os directores de patrimonio, de Ourense e Santiago, Alberto Seara e Roberto Pena, non lle prestaron demasiada atención. Penso que moito tempo nun despacho non é bo para manter a chispa, ou ver demasiadas pedras fai que sexan todas iguais o final.
Nieves Amado, trouxo a un técnico do CSIC, Manuel Santos, recoñecido a nivel internacional, viña dende Madrid e estivera en Finlandia e logo ía ir a Irlanda, vamos, un erudito en toda regla que tampouco lle prestou moita atención a estela. Iso si, fíxolle dous calcos e mil fotos, pero non dixo nada novo. Tamén veu o fotógrafo Mani Moreton, reputado a nivel galego, encargado polo Gaias para preparar o catálogo da expo gallaecia pétrea, que quedou impresionado ca estela e a súa historia.
Respondendo por fin as túas preguntas, e repetindo o que dixeron nos medios, a “Estela do Guerreiro da Pedralta” é un monolito de granito, dunha tonelada de peso, unhas medidas de 175 X 75 X 35, coa representación da panoplia do guerreiro da idade de bronce grabada, composta por unha espada, un escudo e un carro, tirado por dous cuadrúpedos, que poden ser vacas ou bois.
O que fai especial a estela é precisamente todo isto, sendo a primeira catalogada en Galicia con toda a panoplia representada. Polo tanto é única ata agora, pode que haxa máis, pero estarán enterradas ou reutilizadas.
A estela tamén ten uns rebaixes laterais, chamados escotaduras, que tratan de darlle a forma humana a pedra. Isto tamén a fai única,estando a cabalo entre un menhir e unha estatua. Distínguese das estelas do sudoeste, nome xenérico dado a estas pezas, en que nas outras aparece o guerreiro representado dentro da panoplia, e neste caso é a propia pedra a que ten forma de guerreiro.
Pódese dicir por tanto, e repetindo as palabras de Bruno Rúa, que é probablemente a primeira representación en pedra e en tres dimensións dunha figura humana, con simbolismo inscrito, do noroeste peninsular.

E xa para rematar. Agora que xa está máis calmo o tema da estela ¿Tes algún proxecto de cara ó futuro?

Teño varios, como obxectivos a corto prazo quixera crear unha asociación cultural que conserve o patrimonio de Castrelo do Val e asesore a xente da súa importancia e abrir un museo etnográfico no pobo e do pobo o marxe da administración. E xa a longo prazo, recuperar o castro da Cabanca, a necrópole romano-sueva de San Martiño, crear unha área interpretativa sobre a vida castrexa no val do Támega e o máis importante, ensinarlle aos nenos o que é a súa terra, a súa historia e o que deben legarlle ós seus fillos.











4 comentarios:

Anónimo dixo...

Mentres tanto, o Museo Arqueolóxico de Ourense segue sen instalacións propias e só conta cunha sala de exposicións no cuartel de San Francisco e un almacén repleto de pezas. O local do Museo en ourense, ao lado do concello, leva sendo excavado máis de 10 anos e non se sabe cando voltará a estar operativo. Toda unha vergoña! Que non vos tomen o pelo!

Anónimo dixo...

arriba rapas!!!!
O do Museo arqueoloxico é de risa...

Xosé Ramón Reigada dixo...

Saúdos aos dous, moi boa entrevista eh !

Raúl de Toén dixo...

grazas por loitar polo patrimonio de todos e todas, ainda que a maior parte non o saiban nin queran sabelo... É por xente coma ti polo que aínda se conserva ese patrimonio... Os funcionarios por moito título de arqueólogo que teñan son acomodados no señoritismo... Por favor mantenme ao tanto dos teus proxectos o meu correo é pinheiro.raul@gmail.com